martes, 10 de marzo de 2015

FEIJOO sore a novela.

Non vai descamiñada a idea de falar de best-seller, pero máis como xogo que pensando no mercado. Pensei que aquí podería facerse un tipo de novela que teñen outras literaturas, cunha parte histórica, un ritmo rápido, con intriga... pero usando a riqueza dos elementos propios do país. Quizais sexa deformación de filólogo, pero eu preciso ter os elementos enriba da mesa antes de escribir: tiña a historia sempre misteriosa do ouro dos galeóns de Rande, a memoria dos anos da guerra e a posguerra, a idea dun protagonista que fose un antiheroe e tamén o espazo xeográfico de Vigo. Despois de ler con tantas gañas historias doutros apetecíame que fosen pezas galegas as que se ensamblasen e é por iso que escribín Os fillos do mar. Dame medo resultar frívolo nesta formulación, pero creo que é o temos que facer.
P. Aínda así reclámase un certo rigor histórico máis alá das licencias da ficción.
R. A realidade da nosa historia supera con moito a ficción do que podemos recrear os escritores, pero todo o que sae no libro referido, por exemplo, á batalla de Rande no 1702, foi rigorosamente documentado. O traballo previo de investigación fíxome ver as carencias que temos, porque aquel foi un momento fundamental para a implantación dos Borbóns e está menos estudado do que debía. Apoiarse na historia real axuda ao novelista, pero se hai tantas lagoas de coñecemento queda o campo libre á imaxinación. Para o novelista é bo, pero é unha faena para o cidadán, porque rematamos por non saber da historia propia.
P. Recobra tamén datos sobre o tempo da posguerra pouco explotados na literatura nosa, como as fugas organizadas ao exilio.
R. A intención miña é chamar a atención sobre a realidade histórica a través do seu uso na ficción. Cando desmiúzo as pezas do libro teño medo a caer na frivolidade, pero defendo a recuperación da novela de entretemento e a miña intención de fondo é falar de algo que foi real. Quero que o lector o pase ben, pero ao chegar á derradeira páxina se sinta parte desa historia que tamén é a súa, que explica quen somos agora. A fuxida da xente era para sobrevivir, porque senón marchaban matábanos. Non é que queira descubrir as dores da guerra, pero hai que asegurarse de que non se vai esquecer. E iso tamén vale para a batalla de Rande, porque somos un pobo moi esquecedizo, e as cousas pasaron e hai que saber delas. Dígolle ao lector: pasáchelo ben, pero agora xa non ignoras a historia dos teus.
P. É tamén unha novela na que a cidade de Vigo acada un grande protagonismo.
R. Hai xa un fato de novelas con este espazo urbano. Entre outras que me veñen á cabeza Antón e os inocentes de Ferrín, Amor de Tango de María Xosé Queizán ou varias de Cid Cabido... Escribín sobre Vigo porque é a miña cidade. Sempre admiraba as novelas de Eduardo Mendoza, que me fixeron coñecer e entender Barcelona doutra maneira, ou o cine de Woody Allen con Nova York como pano de fondo. Por iso creo que as obras teñen máis forza se as vinculas ás súas cidades. A historia que conto é universal, pero pasou en Vigo, e gústame recrear as rúas ou as construcións do arquitecto Michel Pacewicz que durante moitos anos foi unha lenda ou o Vigo de primeiro de século ou o modernista. Isto tamén é historia e só hai que saír á rúa, observar e collelo.


Se queres ler toda a entrevista AQUÍ

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Opinamos.