A Coruña é tamén un resumo de toda Galiza. O mapa pangalaico está no plano da cidade. Moitos dos Castros viñeron da Mariña e de Terra Chá. Moitos de Valdeorras pararon nos Mallos e na Coiramia. A Costa da Morte e Bergantiños viven na Agra do Orzán.
O tópico escuro insiste na frontera entre “o rural” e “o urbano”. Os coruñeses sabemos ben da súa mentira. Porque todos temos un pariente na aldea e á aldea acudimos o día da festa.
A Coruña naceu do mar e no mar a ter o seu futuro. Os avós marcharon cara a América pola ruta da Marola. Os “grasoleiros” do Muro pescan en Irlanda. As novidades empren chegan polos caminos do océano.
Diante da globalización, en cuestions cosmopolitas os galegos levámoslle varias xeracions de vantaxes ao resto do planeta. E, nesta cidade de músicos e navegantes, no mostrador de calquera tasca pode abrirse o atlas do mundo.
A Cidade do Vento
Na Coruña os ventos teñen nome de seu. Por tradición son bos o norte e o noroeste, que enchían as velas das bucetas e traían os mariñeiros dereitos cara ao porto; pero malos os do sur, as perigosas suradas que afastaban os barcos da costa e non os deixaban volver á casa. Xa lle dicían cando sopraba sur, “zoa o vento das viúvas”. Contoume a señora Tina de Monte Alto que, nos seus tempos de pescadeira, cando sopraba leste os mariñeiros non traían peixe ningún. Por iso tiñan este retrouso: “sopra leste, vento da fame”.
Agora non hai b arcos de pesca de vela. Xa non teñen que volver vogando do mar da Cota os mariñeiros do Peruleiro e San Pedro cando sopra a surada. Mais, como demostran os temporais de novembro, esta segue a ser a Cidade do Vento. Como tal, en todas as representacións antigas, os outeiros da Coruña aparecen cheos de muíños de vento. As “torres do ar” como diría Avilés de Taramanco, campando fermosas a carón da Torre de Hércules.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Opinamos.